26 de septiembre de 2016

Día das Aves 2016


A vindeira fin de semana comeza unha nova edición deste importante evento organizado por BirdLife International a escala mundial e que en España coordina SEO/BirdLife, para dar a coñecer o apaixonante mundo das aves e os seus problemas de conservación. 

Por 13º ano consecutivo, o grupo de anelamento ANDURIÑA convidan ao público a participar nos actos do “Día Mundial das Aves”. Os actos serán a vindeira fin de semana: O sábado día 1 e o domingo 2 de outubro. Desenvolverase o xa tradicional “Día das Aves” en Punta Balea (de 9:30 a 13:30), no tramo de costa comprendido entre a baleeira e a praia da Areamilla (cun punto de observación fixo nas inmediacións da lagoa). A elección deste lugar non é fortuíta senón que se trata do mellor lugar da Península do Morrazo (e un dos mellores da provincia) para a observación das aves, tanto polo número de especies presentes (unhas 140 ó longo do ano) como polo achegamento que permiten. Haberá varios postos de observación de aves nos que se poderán contemplar diversas aves acuáticas (na lagoa), mariñas (nas praias e mar) e terrestres (na costa). Ao igual que en anos anteriores, nenos e maiores poderán seguir con todo detalle as explicacións (teóricas e prácticas) sobre as migracións e o estudio das aves mediante o seu anelamento (marcaxe con anelas). Haberá telescopios a disposición do público, aínda que se recomenda que aqueles afeccionados que teñan prismáticos en casa veñan con eles.

Recoméndase a asistencia a primeiras horas, nas que as aves están máis activas (e sería máis doado observar un maior número de aves e especies) e, sobre todo, non deixalo para última hora do domingo, na que se produce a maior asistencia de público.

No hay comentarios: