O Anelamento en Galicia

O GRUPO DE ANELAMENTO ANDURIÑA NO CONTEXTO ORNITOLÓXICO GALEGO E NACIONAL. 

Estudando os datos dispoñibles ata o ano 2007, atopamos que no período 1957-2007 levábanse aneladas en España >6.3 millóns de aves (con anelas de remite ICONA), pasando das >100.000 aves/ano a comezos dos 80 ata as >400.000 en 2007 (ver gráfica).



Como podemos apreciar á vista dos datos publicados, o número de aves anelado en Galicia resulta anecdótico respecto ao total español, xa que apenas supón un 2 % do total anual (máximo de 3.8 %) e resúmese nunhas 122.225 aves no transcurso dos últimos 25 anos (media de 4.889 aves/ano), Tamén é certo que esta cifra viuse incrementada ata as 8.020 aves/ano de media nos últimos dez anos. O número é tan baixo que apenas permite recuperacións, especialmente por dúas razóns: hoxe en día a práctica totalidade das recuperacións débense a controis por parte doutros aneladores (antes había un maior número de recuperacións por caza) e ademais, Galicia queda alonxada das rutas migratorias da meirande parte das aves terrestres (as de maior volumen de anelamentos).

  
Así, a taxa de recuperación dunha ave anelada en Galicia atópase moi por debaixo da media estatal. Aplicando as taxas de recuperación que se obteñen para cada unha das especies (obtidas a partir dos balances anuais publicados), as preto de 7.000 aves aneladas polo Grupo de Anelamento Anduriña ata o ano 1997, xerarían a nivel español 8 recuperacións a máis de 10 km de distancia, mentres que nós só obtivemos 4, é dicir, a metade.

Un maior número de aneladores en Galicia, suporía unha mellor organización e un maior número de marcaxes e recapturas, proporcionando máis información sobre a bioloxía das aves. Sen embargo, o que está a acontecer en Galicia, é que non hai ningún anelador nas provincias de Lugo e Ourense. A principal causa do baixo número de aneladores (ningún anelador na metade oriental do territorio) débese a que para acceder ao uso das anelas con remite oficial (ICONA), o Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino esixe un certificado de aptitude de anelador que no caso de Galicia só pode obterse a través de SEO/BIRDLIFE, o que supón cumprir cos requisitos ditados por esa asociación, como ser socio dela ou pasar un exame despois de cumprir unha serie de requisitos excesivos para un galego do interior aspirante a anelador (acompañar a outro anelador en activo un mínimo de 50 xornadas e manipular un mínimo de 1000 aves de 50 especies diferentes previo ao exame).


Outro dos problemas que atopamos á hora de potenciar o anelamento científico e a gran inversión económica que é necesario facer para desenvolver esta práctica. O equipo de anelamento mínimo debe estar composto por: redes, paus para colgalas, maletín, alicates, calibre, regra de topes, regra de 3ª primaria, balanza, reclamos, .... polo que o desembolso económico medio que é preciso realizar, ronda os 2.000 €/equipo.

Nos datos publicados no último balance obtemos os seguintes valores:

                        

Galicia aporta o 2.1 % dos 429.151 anelamentos realizados en España durante o ano 2007. Evidentemente, a ornitoloxía e os coñecementos aplicados á conservación da natureza en Galicia non poderán avanzar ao ritmo doutras comunidades, nas que o volume de anelamentos xera unha inxente cantidade de publicacións científicas; véxase o volume de anelamentos do Grupo Catalán de Anelamento, o Grupo Ornitológico Balear ou da Estación Biológica de Doñana.


Segundo ese mesmo balance, no 2007 estaban en activo cinco grupos de anelamento en Galicia (Anduriña, Hércules, Píllara, Rías Baixas/GEMA e a Sociedade Galega de Historia Natural), e no período 1980-2007 aneláronse un total de 122.225 aves, o 28.3 % polo Grupo de Anelamento Anduriña (o 34.5 % dos anelamentos realizados nos últimos 10 anos para os que hai datos publicados).
                       

                         

O número de anelamentos de ANDURIÑA segue a aumentar de tal xeito que a finais de 2009 contabamos xa con 48.430 aves diferentes aneladas (media de 4.914 aves/ano no quinquenio 2005-09).

A pesares deste panorama tan pouco alentador, desde o Grupo de Anelamento Anduriña entendemos que o importane desembolso económico que é necesario realizar e o sacrifizo do noso tempo libre merecen a pena por varios motivos:
  • O anelamento, realizado a gran escala para estudar os desprazamentos das aves, serve na actualidade para dar respostas moito máis concretas a cuestións como lonxevidade, tasas e causas de mortalidade, movementos locais, etc.                                                                                                                        
  • As anelas metálicas son un método relativamente barato, que permite distinguir de forma individualizada a cada un dos exemplares en estudo, e que non afecta á supervivencia nin ao comportamento das aves.                                                                                                                       
  • A ave en man proporciónanos unha gran cantidade de información. A posibilidade de determinar o sexo e a idade dos individuos, permitiranos estudar as diferentes pautas de comportamento; cousa que non é posible facer no caso das aves en liberdade, por exemplo establecer as chegadas ou partidas segundo idades ou sexos.
En ocasións, as biometrías permiten detectar a presenza de aves foráneas como por exemplo é o caso do Cardeal (Pyrrhula pyrrhula), a Chasca (Oenanthe oenanthe), ou incluso, nalgunhas subespecies identificables pola plumaxe, determinar a área xeográfica de procedencia, como acontece no caso de Turdus iliacus coburni de Islandia ou Philloscopus collybita tristis de Siberia.

A meirande parte das recuperacións corresponden a casos esperados, como limícolas procedentes da ruta de voo atlántica ou paseriformes transaharianos de Europa occidental en paso a África, dentro das datas de migración de cada especie.


No anelamento non se busca obter rexistros excepcionais, sen embargo, e debido á súa rareza, xeralmente chaman a atención aquelas recuperacións que reflexan os grandes desprazamentos (especialmente aqueles que se producen en curtos períodos de tempo) ou lonxevidades dignas de mención, que non necesariamente puideran ser excepcións, dado o descoñecemento que temos na meirande parte das especies.