¿Quén somos?

O Grupo de Anelamento ANDURIÑA é unha asociación de ámbito galego, sen ánimo de lucro, inscrita no Rexistro Central de Asociacións (2004/007442-1 SC) e no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia (2008/0083), que comeza a súa andaina no eido da investigación aló polo ano 1985. Son fins principais da asociación: o estudo científico das aves silvestres de Galicia, así como a conservación destas e os seus hábitats; organizar accións que supoñan a defensa e difusión dos valores naturais; fomentar entre a infancia e a mocidade a conservación da natureza e o medio ambiente, promovendo actividades de educación ambiental e divulgando estes valores ante a sociedade.

Membros de "Anduriña" no alto Gabiñeira, Baiona (Pontevedra).
A finais de 2009 o grupo leva marcadas 48.430 aves silvestres diferentes, xa que a súa principal ferramenta de traballo (aínda que non a única) é o anelamento científico, que permite coñecer a bioloxía das distintas especies. O resultado da labor investigadora e divulgativa do grupo plásmase en numerosas comunicacións e artigos científicos publicados en diferentes congresos e revistas de investigación, informes, estudios científicos e alegacións a proxectos con impactos sobre o medio ambiente.

Aneladores científicos do grupo estudando a comunidade de aves forestais
de O Morrazo (Pontevedra).
Algúns dos proxectos ornitolóxicos nos que o grupo está a traballar son o estudio da migración de limícolas e anátidas, a dispersión e a fenoloxía dos láridos, a caracterización da poboación de paseriformes en entornos agrícolas, o estudio da bioloxía de diversas especies de paseriformes de hábitats ameazados como as canaveiras ou o seguimento das tendencias poboacionais das aves reproductoras máis comúns, entre outros. Tamén participamos na recollida de mostras para análises da presencia de gripe aviar en anátidas e limícolas e no proxecto de estudio das comunidades de aves en eucaliptais (implicacións para a conservación da diversidade e a abundancia de aves en Galicia).

Xornada do "Día das Aves" en terreos da CMVMC de Darbo, Punta Balea,
 Cangas (Pontevedra).
Desde o ano 2004 vimos realizando en Punta Balea (Cangas), o “Día das Aves”, no mes de outubro. Celebración a nivel mundial que pretende fomentar o respecto cara as aves e a defensa do medio ambiente. A convocatoria faise ao público en xeral, para que poidan apreciar aspectos singulares dos ecosistemas que os rodean, facilitando o seu achegamento ao medio ambiente máis próximo.